Menu

Manuel Oliveira: xornalista, agrarista e nacionalista Vedrés

24 Agosto, 2016 - Sen categorizar
Manuel Oliveira: xornalista, agrarista e nacionalista Vedrés

Manuel Oliveira Viqueira naceu na aldea de Noceda, Trobe, o 19 de novembro de 1880 e morreu no ano 1949 en Buenos Aires, a onde emigrara, ao igual que centos de paisanos seus, a finais do século XIX. Na capital arxentina traballou de dependente nunha reloxería e máis tarde como comercial dunha marca suíza de reloxos. Na primeira década do século XX xa formaba parte das directivas das sociedades de emigrantes que agrupaban aos nacidos no concello de Teo, as primeiras en fundarse nesta bisbarra, pois el nacera nunha aldea que pertence aos dous concellos. Nesas institucións comezou unha traxectoria xornalística e política moi destacada, dentro da colectividade emigrante galega, froito do seu afán por superar as eivas formativas coas que chegara ao país austral e dun profundo amor á súa terra de orixe.

A súa actividade xornalística deu comezo en 1910 na revista Teo que sería, dende maio dese ano, editada pola Federación de Residentes del Municipio de Teo en Buenos Aires coa pretensión de representar, ás dúas beiras do Atlántico, ao agrarismo de todo o distrito electoral de Padrón. A “Sociedad de Residentes” del Municipio de Vedra en Buenos Aires tamén a convertería no seu voceiro tan só un ano despois, e a partir de 1920 pasaría a chamarse Unión de Teo y Vedra ata a súa desaparición a primeiros da década de 1970. Nesas páxinas aparecen, entón, as primeiras colaboracións dun Oliveira que xa forma parte da redacción e, polo tanto, defende as liñas ideolóxicas da Federación: o agrarismo, o republicanismo, o anticlericalismo e a fe na Educación como base para a transformación da sociedade galega e a superación do seu atraso económico.

Revista El Eco de Teo

A revista Teo dedicoulle ducias de editoriais e artigos ás cuestións educativas apoiándose en moitas ocasións nos textos de intelectuais que defendían teorías educativas innovadoras, en especial os da pedagoga Concepción Arenal, e críticas co tradicional dominio dos postulados da Igrexa nese eido. Semellante esforzo editorial tamén perseguía fomentar o interese pola educación entre as familias galegas tentando convencelas de que a educación dos seus fillos era fundamental tanto para a prosperidade individual como para a colectiva. No 1913 a revista xa era dirixida por Manuel Oliveira e durante todo ese ano levaría na portada de cada número unha mensaxe da súa autoría, resaltada en negriña como se dun anuncio publicitario se tratase, con consignas a favor da instrución, do asociacionismo étnico e contra o clero, todo iso nun mesmo parágrafo que baixo o título de “RECOMENDAMOS” dicía:

“A todos los padres de familia, á todos los esposos celosos de la felicidad de sus hogares, á todos los hombres, en fin, que piensen y sientan amor á la humanidad y lleven en su pecho deseos de un mejor porvenir: Que asociados o individualmente, traten por todos los medios de no contribuir al pago del tributo que con el nombre de oblata, diezmos, etc,, vienen cobrando los curas, y que en cambio aporten con ese óbolo a las escuelas primarias para la compra de útiles de enseñanza, retribución a los maestros y demás medios que amplien la educación, seguros que de hacerlo así merecerán nuestros aplausos hoy, y se harán acreedores á que las generaciones de mañana los bendigan y recuerden con cariño.”

Oliveira formou parte da revista Teo ata que a finais de 1915 as discrepancias ideolóxicas o levan a promover a creación do Centro de Residentes de Teo en Sudamérica, no que a partir de entón se agruparán cinco das sociedades parroquiais presentes na antiga Federación de Residentes del Municipio de Teo en Buenos Aires. Pouco despois, o 10 de marzo de 1916, saía a rúa a revista El Eco de Teo que, fundada e dirixida polo propio Oliveira, pasaría a ser o órgano de prensa do Centro. O seu lema era: Por Galicia. Por el trabajador de la tierra gallega: Defiende los intereses colectivos del Distrito Municipal de Padrón”. Dende moi cedo incluiría nas súas páxinas centrais unha sección permanente doutra sociedade de emigrantes de Vedra, o Comité Auxiliar de la Sociedad de Agricultores de Vedra”, dous redactores serían nomeados polo mesmo, pasando, a partir de 1918, a ser editada conxuntamente polo devandito “Centro e a Sociedade de Residentes del Municipio de Vedra en Sudamérica.”

Dende ese momento a publicación continuou aparecendo con regularidade mensual e, malia as dificultades económicas, non sufriría cambios de importancia ata que o 15 de xaneiro de 1921 se convirta no voceiro da Federación de Sociedades Agrarias e Instructivas de la Provincia de la Coruña co nome de Hércules. O cambio de cabeceira debíase a que tres novas sociedades se sumaran ás dúas de Teo e Vedra que a viñan sostendo, e reflectía, tamén, o desexo de formar unha federación que abarcara toda a provincia. Inda que a dirección e os contidos seguirán a ser os mesmos, o seu novo lema sería: Por el progreso y cultura general de Galicia”. O editorial do primeiro número –tamén da autoría de Manuel Oliveira- explicaba así os motivos e as finalidades da etapa que se abría para a revista:

“Al ser preconcebida la idea de fundar esta Federación, también lo ha sido de que para llevarla a la práctica era relativamente indispensable un factor tan importante cual es la palabra escrita. Tan así fué, pues que los organizadores de la Institución precitada, teniendo en cuenta este tópico han incluído en uno de los artículos de su carta orgánica la obligación de adquirir o fundar y sostener una publicación de informe y doctrina según las necesidades lo demandaran.

Así, pues, teniendo las cinco sociedades organizadoras en medio de ellas el órgano necesario para este cuerpo, puesto que desde su fundación ha venido sosteniendo con todo ahinco los principios fundamentales de instrucción y emancipación, de ahí que, con solo el cambio de nombre que su más amplia zona exige y el aumento de información correspondiente en todos sus aspectos, tuviéramos solventado uno de los puntos más interesantes de nuestros Estatutos.”

En “El Eco de Teo” manteríanse as principais liñas ideolóxicas da Teo pero, pouco a pouco, o ideario do rexionalismo rexeneracionista adquiriría maior peso e acabaría por converterse no selo de identidade desa nova publicación. O cambio gardaba moita relación coa traxectoria persoal do propio Oliveira, quen se fora achegando a esa corrente a través do contacto persoal co pequeno grupo de intelectuais agrupados en Buenos Aires arredor da revista Suevia, fundada en 1913. Os principios dese movemento darían lugar, en Galicia, a un nacionalismo emerxente que cristalizaría, a partir de 1916, na formación das Irmandades da Fala en Compostela e na Coruña.

Débese destacar que con El Eco de Teo o xornalismo étnico dos emigrados de Teo e Vedra se sitúa entre a vangarda rexionalista pois, dende o seu nacemento, escriben nel os principais redactores de Suevia, dende o seu director, Javier Ínsua, pasando por Joaquín Pesqueira, Miguel Revestido, Gaspar G. Oitabén e o tamén xornalista ourensán, Julio Carballo. Ademais, incidindo nesa orientación, o novo mensuario cederíalle unha parte das súas páxinas aos textos enviados dende Galicia polas Irmandades da Fala e foi así como, xunto ás colaboracións de Antón Villar Ponte e de Luís Peña Novo, irían aparecendo nel os poemas de Noriega Varela, Murguía ou Pondal, entre outros.

Afondando nesa liña editorial, a partir de 1918 El Eco, estrea unha sección chamada “Conto do mes” na que acollerá os relatos breves de Lugrís Freire, Leandro Carré ou Alfredo Nan de Allariz, e tamén os de algúns autores xa habituais na Teo. Así, a pesares de que nas súas páxinas o castelán seguía a ser a lingua máis usada, o galego dispoñerá cada vez de máis espazo e, sobre todo, pasará a ter un status co que non contara na Teo, nin na maioría dunhas revistas nas que aparecía como a lingua da morriña e das emocións, apropiada tan só para a poesía, as coplas satíricas ou os retrincos humorísticos. Fronte a ese uso restritivo, en El Eco de Teo o galego reivindícase como unha lingua válida coma calquera outra para a narrativa, a expresión das ideas ou o debate político, situándose, simbolicamente polo menos, ao par das consideradas cultas, e maioritariamente empregadas polos intelectuais en América.

A orientación rexionalista de El Eco de Teo reforzábase cos espazos dedicados ás noticias societarias ou á propaganda da Agrupación Regionalista A Terra” -1917-, na que militaban boa parte dos colaboradores xa mencionados. Tamén na sección “Revista de prensa” tiñan un lugar preferente os resumos dos principais contidos de A Nosa Terra, editada en Galicia polas Irmandades da Fala, xunto a outros escolmados da revista Terra, insignia do rexionalismo porteño. Podemos afirmar, entón, que tanto pola data da súa fundación como pola súa traxectoria posterior, El Eco de Teo, figura entre as publicacións galeguistas pioneiras de Galicia e da Argentina. Nas súas páxinas tiveron acubillo boa parte dos intelectuais e xornalistas, que dende Buenos Aires defenderían, a partir de mediados dos anos 1920, teses independentistas, arredistas” na terminoloxía do momento, dentro do nacionalismo galego, entre eles o propio Oliveira.

Encabezados por Eduardo Blanco Amor e Ramiro Illa Couto, un grupo de dezaseis homes entre os que se atopaba Oliveira, Joaquín Pesqueira, Miguel Revestido, Lino Pérez, Vicente Barros e Antón Zapata fundan, en agosto de 1923, a Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires“, delegación da presidida por Vicente Risco en Ourense. A maioría eran traballadores de pescozo branco –oficinistas, administrativos…- e pequenos comerciantes con inclinacións xornalísticas e literarias dos que Bieito Cupeiro, no seu libro A Galiza de Alén Mar di: non eran homes de cartos, senón case que todos traballadores máis ou menos cualificados. Non embargantes chegaron a desenvolver tarefas que moitos outros agrupamentos con máis recursos económicos, nen en comparanza puideron emparellar.

Tralo comezo da ditadura de Primo de Rivera, a asociación divídese. Mentres Blanco Amor e os seus partidarios marchan á Federación de Sociedades Gallegas, outro sector encabezado por Manuel Oliveira, Moisés da Presa, López Pasarón e Lino Pérez refúndana, en 1925, e comezan a editar A Fouce no ano 1926. A partir de entón, e ata xullo de 1936, o seu voceiro será o de máis marcado carácter independentista, xunto coa Nosa Terra, dos que se publicaron en Galicia e América. Na portada do seu primeiro número pódese ler:

“A FOUCE é o primeiro paso, que unhos mozos arruzados e independentistas, dan no vieiro trunfador da nosa terra.

N’ista fachada onde se abre a porta da nova vida queremos deixar grabado un saudo fraternal a boa e xenerosa mocedade galega.

Pra éla, son feitas istas páxinas, nas que poñemos todo o agarimo e quentura de qu’estan ateigadas as nosas almas mozas e o noso corazón aceso en lume sagro no altar da Terra Nai.

Temos fé no porvir lumioso da Nosa Terra, e isto fainos ser outimistas, ainda sabendo dos tropezos no camiño a percorrer.

Como arelamos deixar asinalado o noso camiño con un ronsel de lus abrentía, percisamos qu’os vellos se arreden lonxe de nos. Traballamos pra os futuros galegos da inmorrente Galiza e por iles ceibamos, alma aos beizos, o berro de A NOSA TERRA E NOSA.”

port_fouce

Os anos vinte foron para Oliveira os da madureza profesional, xornalística e ideolóxica. Recoñecido e valorado entre os seus compañeiros de loita, irmáns como gustaban chamarse, dirixira ese voceiro na súa primeira etapa e formaba parte das directivas da Irmandade e, a partir de 1927, da sociedade cultural na que se convertera, a Sociedade D’Arte Pondal. Tampouco se esquecera da súa terra ullán e dende as publicacións nas que participaba liderou a iniciativa para recadar os fondos que fixeron posible a construción das pontes da Pedreira e Bazar, así como da escola da parroquia de Trobe. Sen embargo, no persoal foi unha década dramática. Casado dende 1917 con Rosario Domínguez fora pai de dous fillos, Manuel e Eugenia, pero o seu neno faleceu antes de cumprir os sete anos, arredor de 1925, e a súa muller empezou a dar síntomas da grave enfermidade mental que padecería ata a súa morte.

O antigo líder dos agrarios de Teo e Vedra mantería, malia os terribles problemas persoais, a súa militancia nas sociedades agraristas que contribuíra a espallar pola Arxentina, aínda que moitas delas tamén sufrían constantes altibaixos e, como no caso do Centro de Residentes de Teo en Sudamérica ou da revista Hércules, mesmo entraran en decadencia. Tampouco A Fouce dera pasado dos catro números nos seus primeiros meses de existencia e a finais de 1926 remataría a súa primeira etapa. Os pondalianos non foran quen de implantarse entre a colectividade galega e carecían da masa social e dos apoios precisos para manter a súa actividade editorial, daí que, dende entón, permaneceran nun letargo do que non lograron saír completamente ata 1929. Neses anos de finais da década, Oliveira tamén colaborou coa revista galeguista “Céltiga”, que fora fundada en Buenos Aires en 1924 e dirixida en distintas etapas por Eduardo Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo e por cuxas páxinas desfilaron, en verbas do historiador Alberto Vilanova Rodríguez, todos los intelectuais galegos de entonces […] así como sus mejores artistas, tales como Castelao, Maside, Cebreiro, Suárez Couto y el argentino Saúl Borovio.”

24539-ccg-celtiga-n182

En maio de 1929, xunto co seu irmán da Pondal, o poeta e xornalista, Antón Zapata García, e Francisco Regueira, galeguista i estreito colaborador de Ramón Súarez Picallo, creou a Institución Cultural Gallega, protectora do Seminario de Estudos Galegos que fundaran en Compostela, en 1923, algúns dos intelectuais máis destacados da Xeración Nós, ao par doutros vencellados ás Irmandades da Fala. A misión do Instituto era dar a coñecer na Arxentina as obras e actividades do Seminario e, sobre todo, recadar fondos para sostelo. Para iso era moi axeitado o importante capital relacional daqueles seus promotores que non dubidaron, ao pouco, en pedir a colaboración dos emigrados a través das páxinas dunha renovada A Fouce con anuncios coma este:

“Honrase a galicia con feitos, e non con verbas soiamente.

Fagase socio da institución cultural gallega, que protexe o Seminario de Estudios Gallegos de Compostela.

Dirixase a Avenida de Mayo 1180 1º piso.”

Ou este outro:

“Si se quere unha Galiza culta, libre e rica hai que axudar as institucións que labouran nese senso.

Axude ao Seminario de Estudos Galegos de Compostela facendose socio da Institución Cultural Gallega (Protectora do Seminario de Estudos Galegos) […]”

Tamén entre 1927 e 1929 se produciran os cambios orgánicos que lle darán novos pulos á Pondal. Primeiro integráronse nunha Federación de Sociedades Galegas, con arredor de 5000 socios daquela, na que os socialistas e os galeguistas moderados libraban unha dura batalla polo seu control, e que remataría por rachala en dúas a mediados de 1929. Na escisión galeguista, chamada a da rúa Belgrano, continuarían militando os pondalianos e nela lograrían maior presencia dentro da colectividade galega sen perder nada dos seus sinais de identidade. Despois, en xuño de 1930, toman a decisión de cambiarlle o nome a súa sociedade, adoptando o de Sociedade Nazonalista “Pondal”, e redactan uns novos estatutos. Para elaboralos nomearan unha comisión integrada por Lino Pérez, Fuco Lamas Barreiro e Manuel Oliveira que os presentaría, para a súa aprobación na asemblea de xaneiro de 1931, con este primeiro artigo:

Fundase na cibdá de Bos Aires unha agrupazon tidoada Sociedade Nazonalista Pondal, que ten por outa finalidade a d’axudar por tudol-os medeos posibels conquerir a reaizazón da Nazón Galega.

Pra levar a cabo o fin devandito, usará o seguinte proceder:

  1. O amor a Terra, como vencello entre tudol-os seus afiliados.
  2. O aprecio i emprego do idioma galego, como medeo d’espallamento da nosa cultura.
  3. O respeto e preocupazón d-os intreses da galiza como programa d’aución.
  4. A reaizazón d-autos de propaganda nazonalista.
  5. Creará un Ateneo, adicado somentes o estudio e difusión dos problemas culturaes, politicos i-económicos da Galiza.

pondal_cea

Cea da Sociedade Nazonalista Pondal

Nesas datas Oliveira pasara de ocupar a vicepresidencia a ser elixido presidente da sociedade, no ano 1931. Polo tanto, será el, xunto cunha manchea de fundadores e os afervoados mozos arredistas que se incorporaran no remate da década, os responsables de que, a partir de xaneiro de 1930, saia de novo á rúa ao seu voceiro. Iniciaba este, así, unha segunda etapa na que chegaría ata os 83 números, cunha periodicidade mensual, e nalgúns momentos quincenal. Ademais, tamén daquela logran entrar na Xunta Executiva da FSG e durante un breve período controlan o seu órgano de prensa, Galicia -antes chamado El Despertar Gallego. O semanario da Federación, manexado case sempre por Alonso Rios, Campos Couceiro e Cao Turnes (San Xián de Sales, 1894-Buenos Aires,1952) redeseñaría entón a súa portada e o galego pasaría a ocupar un lugar de privilexio como nunca tivera, nin tería. Poucos meses duraría esa liña editorial pero, dende A Fouce, continuarían insistindo na necesidade de galeguizar non só a aquel voceiro senón a toda a FSG, pois sostiñan que a Carta Orgánica da mesma era insuficiente para definirse por Galicia e, nas súas verbas, non se trataba máis que dunha copia rastreira de documentos do socialismo arxentino.

1024px-Insignia_da_Sociedade_Nazonalista_Pondal_de_1929

Insignia da Sociedade Nazonalista Pondal

Nesta segunda xeira, tamén aparece na portada o encabezamento A Fouce. Periodico Galego, engadíndoselle agora un pequeno recadro, na parte superior esquerda, coa seguinte cita:A lingua é base, e é a mais genial, a mais original e nacional obra de arte que cada naçao cria e desenvolve. C.M. de Vasconcellos”. Os seus redactores habituais pertencen á Pondal, como por exemplo: L. Pérez, C. Cantón, J. Domínguez, S. Guerrero, E. Pita, C. López Pasarón ou V. Barros, por nomear só algúns. Todos eles escriben sobre os variados asuntos que atinxen á sociedade, á economía, á cultura galega e aos emigrados na Arxentina, particularmente ás súas asociacións, e sempre defendendo os principios do seu arredismo con paixón e mesmo belixerancia en cada ocasión. Ademais, a maiores das reseñas das obras ou da inclusión de artigos publicados noutras revistas polos intelectuais galegos, inclúense moitas colaboracións feitas ex profeso para a revista polos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Ramón Suárez Picallo, Manuel Campos Couceiro ou Ramón Otero Pedrayo, entre outros.

Manuel Oliveira continuará con entusiasmo a laboura xornalística no voceiro independentista. Nel adoutrinará, analizará diversos temas de interese para Galicia -a emigración, a educación ou o asociacionismo emigrante serán os seus preferidos- e proporá as estratexias que debería seguir a súa organización, e outras que coma ela quixeran loitar pola xustiza e a liberdade do pobo galego. E farao a través de artigos soltos e, sobre todo, de dúas columnas que poucas veces faltarán á cita cos seus lectores. A primeira delas chamarase Arados e Libros” e nela empregará unha escrita cun rexistro formal, temperado poderíase dicir, no que se estenderá na exposición e o análise dos distintos temas, por exemplo o da falta de compromiso coa terra da maior parte da prensa galega, algo sobre o que reflexiona no número 14 e que remata con estes parágrafos:

“Ningun povo se pode erguer a vida civil é o goce da liberdade si lle faltan os medios que o ilustren é, un d-eles e sin dúbida o dos xornaes e preodicos. Si éstas, en vez de levar o povo devandito ás ideas e a opinion que o guie, resultan pol-o contrario un de tantos motivos de atraso, dos que por comenencia, aínda hoxe se mantén vixencia, e mester que esa prensa morra, ou se transforme no que debe ser.

Unha prensa galega indefrente, ou hostil e allea moitas veces os nosos problemas, e contraria o ben da patria e o rexurdimento do noso porvir.”

Pola contra, na súa outra columna, titulada Pasando o Cribo”, que firmará cos seudónimos Noceda ou Noseda, usará un ton máis coloquial, retranqueiro e aguilloante, sempre facendo referencia, de xeito moi breve, a diversos asuntos en cada unha das que escribe. Unha mostra dese estilo é o parágrafo que lle dedica á polémica que a primeiros dos anos trinta se desatara, dentro da colectividade galega emigrada, entre os que facían doazóns para a futura cidade universitaria de Madrid, e os que desexaban, coma el, que só se apoiara o proxecto da Residencia de Estudantes de Compostela:

“A colleita que se está faguendo, pra universidá de Compostela, veu a demostrar que os únicos hespañoles que hai na colonia, son os galegos, por canto os catalás e vascos, teñen d’abondo persoalidade pra non deixarse envolver en faramalladas. O resto, unhos adicanse a darlle creto o arte d’a pandeireta, e os outros, ou asimilan ou baten palmas. Era tempo de que os galegos se decataran do ridículo que estaban faguendo, precisamente, porque son os únicos que queren ser hespañoles, anque está ben probado que os verdadeiros hespañoles alcúmanos con toda caste de adxetivos vergoñantes. Agora queda probado que os únecos hespañoles son os galegos desleigados, o demais son mitos.”

Ou este no que fai referencia a situación política española nos estertores do reinado de Alfonso XIII, durante o que se coñece como Dictablanda:

“Por non ser menos que os gobernos anteriores a Dictadura, éste que agora entrou na Hespaña, ten dous ministros nados en Galicia.

Non se pode decir, pol-o tanto, que os galegos non participan no goberno da Hespaña. Galego era o primeiro ministro cando se sancionou a lei de fugas, e galego, e ministro, foi tamen o que con mais eficacia puxo en praitica esa lei noxenta e inhumana.[Refírese a Eduardo Dato e a Severiano Martínez Anido, nacidos na Coruña e no Ferrol respectivamente]

Pra nosa desgracia sempre houbo galegos no goberno hespañol.”

A laboura xornalística de Oliveira mantívose, case ininterrompida, hasta o derradeiro número de A Fouce que saíu a rúa 25 de xullo de 1936. O que ía ser unha tirada especial dedicada ao Día da Patria tivo que incluír na súa primeira páxina a seguinte declaración da Sociedade Nazonalista Pondal:

“Nós, fronte á reaizón.

A Sociedade Nazonalista Galega Pondal, entidade que agrupa no seu seio aos nazonalistas galegos de Bos Aires, ante os sucesos que se [ilexible] na Hespaña [ilexible], afirma unha vegada mais, os seus propósitos de traballar pol-a realizazón dos postulados nazonalistas.

Que estos propósitos, non impiden, enantes ao contrario, aos nazonalistas galegos, manifestar a sua mais ampla e afervoada solidariedade cos traballadores hespañois que tan heroicamente resisten a criminal agresón dos militares, coaligados cos nemigos da xustiza e da liberdade do povo.

Que o nazonalismo, é un ideal que afinca as suas bases no direito dos povos a seren libres. Que o ideal nazonalista, realizase eliminando as causas que producen a miseria e dividen ás xentes en clases e categorias artificiais.

Que do trunfo das milicias populares sobre a deslealdade dos militares sublevados en conivencia coa reaizón soberba e despótica, Galiza, e con ela as demais nazonalidades da Peninsua, acadarán a posibilidade de desenrolar as suas caraiteristicas nacionais e abranguer a su independencia.

Polo conseguinte, as nazonalidades da Penínsua, fronte aos tenzoamentos liberticidas do feixismo que a tudos ameaza por igoal, deben, n’estas doorosas circunstancias, manterse fortemente avencelladas, pra afincar sólidamente no chan ibérico, un réxime de liberdade, de xustiza e igoaldade social e espiritual, que dea efectividade aos ideais nazonalistas, que, derivando do sentimento de Patria, son en sustancia, sentimento d’irmandade entre os homes e os povos.”

A Sociedade Nazonalista Pondal, unha das primeiras asociacións que avogou pola plena independencia, e que mesmo tratou de promover un partido independentista en Galicia durante a República, autodisólvese en 1938 para favorecer a unidade dos republicanos galeguistas mentres Galicia permanecese baixo un réxime ditatorial. A guerra civil marcou un antes e un despois na evolución das sociedades de emigrantes na Arxentina e moitas, sobre todo algún dos grandes Centros, acabarían caendo baixo a influencia dos simpatizantes do novo réxime político español. Manuel Oliveira e a maioría dos seus irmáns permanecerían fieis aos seus ideais ata a súa morte, colaborando coas asociacións que dende distintos ámbitos axudaban aos republicanos e aos exiliados, pero xa nun segundo plano. No ano 1943, no número 400 de Unión de Teo y Vedra, lembraba con estas verbas á entidade arredista que axudara a fundar e a impulsar:

A “Sociedade Nazonalista Pondal” foi coma un luceiro que viñera a alumear na escuridade da concencia galega na America, e a sua vida era antena que recollia as ondas do latexar patriótico da renacenza da nova Galiza. Xuntoiro de xentes que non hipotecaron endexamais as suas opinións, a sua prédica cecais fose un pouco agresiva por os ideales que defendia eisí o demandaban. Habia na “Pondal” un forte sentimento de patria, unha conducta que era obrigado observar e unha laboura de concencia que non se esquencia en ningun caso, i-elo foi recoñecido por moitos dos que foron seus nemigos.

Pedro Canteiro Mallou !!!

Bibliografía e enlaces de interese: