Menu

Irregularidades no proceso de contratación dun técnico de Turismo en Vedra

16 Setembro, 2016 - Sen categorizar
Irregularidades no proceso de contratación dun técnico de Turismo en Vedra

A oposición en bloque solicita no último pleno a suspensión e repetición do proceso selectivo polas irregularidades detectadas.

No último pleno extraordinario do Concello de Vedra, o PSOE e o BNG, solicitaron a anulación e repetición do proceso selectivo. Asemade, dous dos sete candidatos á praza, presentaron igualmente solicitudes de anulación, repetición e revisión da baremación do proceso.

Entre as múltiples irregularidades detectadas aparecen: a expulsión, e posterior readmisión, do proceso dun participante (obrigándolle a facer un exame diferente ao resto dos candidatos, e avisándolle con escasas vinte horas de antelación), problemas ao presentar o certificado de pago da titulación, e non a titulación (proceso que tarda varios anos), un proceso de valoración de méritos absurdo e aleatorio (a non valoración de cursos doutorais, masters, etc.), irregularidades na acta de resolución, na que aparece como presente un experto en turismo, que nembargante non asina a propia acta, etc, etc.

No BNG de Vedra, declarámonos fartos de que no PP de Vedra realicen un sistemático aproveitamento das miserias e necesidades da xente a través dos procesos de contratación en beneficio propio, e afirmamos que os procesos de contratación onde substitúen méritos académicos e profesionais por meritocracia social e de dependencia, pagámola á larga no conxunto do concello, pois obviando o inxusto do proceso, os contratados mediante procesos irregulares terminan por non ser os mellores dos posibles.

NOTA: En 2008, aprobouse unha moción para regular dunha maneira xusta o acceso ao emprego no concello presentado por Fina Guitián grazas ao voto do PP, có actual alcalde como xefe da oposición. A moción segue tecnicamente vixente, polo que mentres non se anule obriga ao seu cumprimento. (Dende o 2011 o PP incúmpreno sistematicamente). Na recente convocatoria de dúas prazas volveron a ignoralo, o prioritario é aproveitarse das miserias da crise, a través do menudeo de pequenas contratacións municipais.