Menu

Carta aberta ao alcalde.

11 Novembro, 2016 - Sen categorizar
Carta aberta ao alcalde.

Recentemente recibín unha carta asinada por vostede, en relación á baixada de habitantes en Vedra. Na última Xunta de Voceiros solicitou dos grupos da oposición colaboración para participar nunha mesa permanente sobre este tema.

Pensei que nunca se atrevería a mandarme a carta, coñecía da súa existencia, pero confiaba en non ter que lela. Pois ben, recibina lina e estoupei. A presente é unha carta persoal, da que participan as Asembleas Abertas de Vedra. Sobre a postura que tomemos a nivel municipal na agrupación, teremos tempo de decidilo colectivamente.

O primeiro que lle teño que dicir, é que na lexislatura anterior aproveitouse dunha iniciativa do noso grupo orientada a frear a caída no Padrón municipal sobre a que pactáramos a non utilización partidaria. Faltoulle tempo para, uns meses despois, publicar DOUS artigos en diferentes xornais arrogándose o éxito da iniciativa. Dende aquel día descarteime para volver a participar noutro paripé do seu grupo, e de paso aprendín o valor da súa palabra.

Que vostede solicite a nosa axuda a trinta días de contabilizar o censo municipal,  cando faltan 21 veciños para chegar aos 5.000, despois de levar vostede seis anos gobernando sen facer nada, e cando digo nada, afirmo: ABSOLUTAMENTE NADA nesta materia, paréceme de mal gusto.

Dende o 2007 no BNG-A.A levamos intentando activar políticas municipais de carácter estrutural, que eviten a perda de veciños. Dende que vostede goberna, intentámolo desesperadamente. É tan previsible o desenlace, que estou convencido que é unha opción política en si mesma. Baixar dos 5000 habitantes facilitaralle ao PP sucesivas maiorías absolutas, por dous motivos:

  1. Manterá a proporción de votantes (o que importa realmente non é o número de votantes, se non a porcentaxe), explícolle: a única maneira de compensar a desaparición natural dos seus votantes mais fieis (consecuencia das leis da bioloxía) é, que sectores da poboación que non están nese rango de idades, migren do concello (traballadores novos, estudantes universitarios, pais aos que non lle convence os nosos colexios, familias novas que mercan vivenda fora, .etc), e ante todo, que non se estableza poboación foránea.
  2. Desaparecerán dous concelleiros, precisamente os que saen con menos votos (polo tanto, non serán das listas do PP) Polo que porcentualmente, incrementará a súa maioría absoluta no pleno.

E como toda acción ten a súa reacción, perderemos 100.000 €, co tempo pecharanse os servizos de madrugadores nos colexios, e a gardería. Do que estou seguro é que vostede seguirá incrementando o gasto en cemiterios e usará todos os seus contactos para que o centro de saúde non se mova (isto, podo asinalo ante notario).

E aínda que aos seus votantes estas cousas impórtanlles, vostede sabe tan ben coma o sei eu, que os seus votantes perdóanlle todo, sexa a corrupción en Madrid, o mercadeo sexual en Ourense, a renovación da celulosa en Pontevedra, ou a perda da gardería en Vedra. Para vostede o custo será nulo, e en todo caso calquera perda de votantes quedará compensada coa desaparición de concelleiros. NEGOCIO SEGURO


Para dicilo doutra maneira, dende que vostede é alcalde, dunha maneira consciente ou inconsciente, desincentiva a fixación de poboación nativa e espanta o establecemento de novos veciños. O que non pode negarme é que benefícialle na súa aspiración de renovar a alcaldía.

Analizando a situación:

Así podería seguir ate o aburrimento, O da valentía non vai có seu grupo.

Queren propostas para evitar a caída poboacional?, pois descárguense os tres últimos programas electorais do BNG, e do BNG-A.A.

Termino: Descártome para este paripé. Para saír desta situación necesítase tempo, valentía e creatividade, o tempo desperdiciárono, o resto nin o queren nin o desexan. A súa actitude persoal na gobernanza do concello resúmese nesta frase: Laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même,(1) e  por desgraza, daralle moi bos resultado. Que lle aproveite, mais cedo que tarde, terá vostede o mérito de ser o alcalde que baixou dos 5.000 habitantes.

PD: Recórdolles a miña oferta do terceiro tempo. Manteño a invitación dunha birra na de Suqui á volta dos plenos, como comprobarán, son home de palabra.
(1) Deixen facen, deixen pasar, o mundo móvese só (V. de Gournay, …. un dos seus).

José Antonio Pose Rodríguez.